Saturday 18 de May de 2024

O Goberno local confía en acordar coa Xunta o proxecto do novo CHUAC co fin de garantir o mínimo impacto para as vivendas afectadas


Inés Rey asegurou que a reunión coa Administración autonómica foi positiva e anunciou que continuarán as reunións nas vindeiras semanas

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, no que foi un encontro de carácter político e técnico para avanzaren no proxecto de ampliación do CHUAC. A xuntanza tamén contou coa presenza da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o concelleiro de Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, e o persoal técnico de ambas as administracións.

O Concello formuloulle á Xunta a posibilidade de que estude modificar a disposición do hospital co obxectivo de reducir o impacto sobre as vivendas afectadas en Eirís. A alternativa que o Goberno local lle propuxo ao autonómico suxire desprazar os ambitos de crecemento do hospital cara o norte, sen variar o volume de novos espazos programados, e reordenar as superficies públicas libres de construcións de cara a minimizar as expropiacións de carácter residencial que se prevén necesarias.

Inés Rey aclarou que polo de agora esta proposta municipal non está cerrada, senón que é unha idea para que a Xunta a analice e vexa se é posible minimizar o impacto sobre as vivendas afectadas e sobre os viarios.

Rey explicou que o proxecto se encontra nun estado “case embrionario” e que “a partir de aí ambas as administracións empezaremos a traballar da man e coordinadamente para que exista un único proxecto.

“Nas vindeiras semanas comezaremos a estudar o borrador do convenio que recollerá as obrigas tanto da Administración local como da Administración autonómica con respecto á construción e ás comunicacións e infraestruturas necesarias para dotar de accesos esa
Nota de Prensa

nova edificación. E traballar tamén xa nunha mesa máis técnica coas propostas máis técnicas que se vaian facendo desde a consellería e desde o concello de cara á ordenación dos viarios e a construción desas novas comunicacións”, sinalou a alcaldesa.

Así mesmo, a rexedora indicou que “estamos no período de analizar posibles solucións e minimizar os impactos, co fin de poder dicir con máis detalle cantas vivendas estarán afectadas, pero o obxectivo tanto da Administración autonómica como da local é que esa afectación sexa mínima. Evidentemente haberá expropiacións porque pola propia localización do hospital faise necesario, pero que trataremos de que sexan de mínimo impacto, as mínimas posibles”.